Un cento de obras participan no certame artístico Artelixo de Redondela
Todas as pezas están elaboradas con materiais de refugallo

Redondela celebra o Artelixo, un evento que, como indica o seu nome, descobre pezas artísticas elaboradas con materiais desbotados.
A conciencia ambiental é a motivación dun cento de creadores que participan no Artelixo, un certame creativo aberto á participación veciñal e da comunidade escolar de Redondela.
Convertido en material artístico e transformado nunha obra significativa, o lixo é unha mensaxe universal, unha chamada de atención accesible a todas as idades e a todo tipo de creadores.
A peza do pequeno Lois é unhas das que se exhiben nos escaparates da vila, porque este certame que naceu na rúa nos anos 90 cada vez involucra máis esferas da vida redondelá: o comercio, as escolas e as parroquias.
De entre as obras concursantes, cada ano escóllese unha que quedará exposta de xeito permanente. A 'Troita en pé', do colectivo Koebra, é a indultada da edición anterior e xa inicia a senda peonil do río Maceiras.
Ademais de actividades e música, o certame programa unha exposición do artista Daniel Barreiro que se pode visitar no Auditorio da Xunqueira de Redondela ata o vindeiro domingo.