Un cento de mozos da UE fan o Camiño para incentivar votantes primeirizos nas próximas eleccións europeas
Un cento de mozos da UE fan o Camiño para incentivar votantes primeirizos nas próximas eleccións europeas
O obxectivo é superar a barreira do 42 por cento de participación entre os máis novos, nos comicios de 2019
O grupo reuniuse este luns en Compostela con eurodeputados de diversas formacións, aos que lles trasladaron as súas preocupacións
Baixo o lema 'Usa o teu voto', a Oficina española do Parlamento Europeo levou cen mozas e mozos de España, Portugal, Alemaña, Bulgaria e Romanía a realizar un tramo de 115 quilómetros de Ruta Xacobea.
Durante o camiño, os participantes explicáronlles a outros mozos a importancia de poder participar da vida democrática e elixir aos que serán os representantes públicos en Europa.
O reto, motivar o voto da mocidade na próxima cita electoral con Europa, especialmente dos primeiros votantes. A intención, superar a barreira do 42 por cento de participación entre os máis novos nos comicios de 2019.
Este luns, na Radio Galega, falamos desta experiencia con Teresa Coutiño, responsable da área de Mocidade da Oficina do Parlamento Europeo en Madrid, quen recoñecía o resultado positivo desta acción.
"Moitos son primeiros votantes, e nótase un interese cando son outros mozos os que lles explican a importancia que ten participar (nesas eleccións)", expresou.
A oficina española do Parlamento Europeo combinou esta experiencia con charlas en centros de ensino secundario e FP, nas que tamén se falou dos programas que a UE desenvolve a prol da mocidade como Erasmus plus, interrail ou o voluntariado europeo.
Coutiño confía en aumentar esa porcentaxe de voto mozo a nivel europeo e nacional, porque cada vez, subliña, son máis os que ven a política que se fai desde as institucións europeas máis próximas á cidadanía.
Neste sentido, o grupo tivo a oportunidade de reunirse nas últimas horas con eurodeputados de diversas formacións, entre eles Francisco Millán Mon do PP, Nicolás González do PSdeG ou Ana Miranda do BNG. A todos eles transmitíronlles as súas dúbidas e preocupacións.