Un coche con dúas persoas dentro acaba mergullado no peirao de Aguete, en Marín
As ocupantes lograron abandonar o habitáculo cando o coche se afundía
Mergullado moi preto do chanzo que marca o final da rampla do peirao de Aguete. É como acabou este martes pola noite o coche dun mozo veciño das proximidades de Marín. Meteuno na zona de servizo para embarcacións. Parado, e con dúas persoas dentro, o freo de man baixou -descoñécese o porqué- e foi caendo cara á auga. As dúas persoas saíron do habitáculo mentres o coche se afundía.
Con baño de maio nocturno e inesperado, volveron para a casa, mentres o coche pasaba a noite na auga ata que onte pola mañá o retiraban cun guindastre. O suceso é motivo de comentario nese porto do concello de Marín, pero máis ben de xeito discreto.
Hai prazas sinaladas para o aparcamento de coches e tamén sinalización que advirte de que a rampla é unha zona de traballo coas prohibicións e advertencias que corresponde. Son moitos os bañistas que a usan e tamén, como o caso deste martes, xente que vai co coche ao espazo disposto para a entrada e saída de embarcacións do mar.