Un condutor ebrio espeta o seu vehículo contra unha barreira da N-VI en Lugo
O condutor, de 60 anos de idade, conducía de forma temeraria e superaba en catro veces a taxa de alcol permitida
Chegou a invadir o carril contrario e golpeou varios vehículos

A Garda Civil investiga un condutor lucense, de 60 anos de idade, que provocou danos materiais en varios vehículos, antes de accidentarse e acabar enriba dunha barreira de protección na estrada Nacional VI, ao seu paso por Lugo, tras confirmar que circulaba de forma temeraria e que cuadriplicaba a taxa de alcol permitida pola lei.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, varias patrullas foron mobilizadas tras ter coñecemento o Subsector de Tráfico de Lugo de que un turismo circulaba de forma anómala pola Nacional VI entre as localidades de Rábade e Lugo. O perigo evidente foi para os demais usuarios da vía, que foron os primeiros en alertar ás autoridades, tras ver como chegaba mesmo a invadir o carril contrario e golpeaba outros vehículos.
Aos poucos minutos, unha das patrullas localizou o vehículo accidentado, á altura do quilómetro 506. Estaba sobre unha barreira de protección lateral, na marxe dereita da estrada.
Tras asegurar a zona e garantir a seguridade viaria, identificaron o condutor do vehículo responsable. Foi sometido a unha proba de alcoholemia, na que deu un resultado positivo catro veces superior á taxa máxima permitida pola lei.