Un de cada catro mozos vai mirando películas ou vídeos mentres conduce
Así se desprende dun informe europeo sobre condución responsable
Alertan tamén dos riscos do uso do Bluetooth
O teléfono móbil é un dos principais causantes das distraccións ao volante. Telo cerca cando conducimos pode chegar a ser toda unha tentación.
"De cando en vez si que se usa, é complicado non usalo no coche".
"Si, aí pilláchesme, ás veces si".
"Si, si, é imposible non mirar, sáltanche e enriba sempre vas preocupado de que alguén te chame ou che mande algo".
"Ti, subconscientemente, eh, directamente tes que darlle".
Un informe europeo sobre condución responsable alerta sobre o uso dos teléfonos durante a condución e os riscos que supón.
"Todos os segundos da condución cos 5 sentidos postos na estrada. En calquera momento pode saírnos unha circunstancia imprevista e temos que dar reaccionado. Se imos coa vista na pantalla do noso teléfono móbil ou co pensamento noutras cousas, pois dificilmente reaccionaremos acorde á situación", apunta Luís Rodríguez, xefe do destacamento de Tráfico de Lugo
Un dos datos que máis impactan deste informe é que un de cada catro condutores menores de 35 anos adoita ir vendo vídeos e películas ao volante.
"No meu curro tiña xente que conducía durante moitas horas, e entón si que poñían algunha serie, algún capítulo e así".
"Iso xa me parece demasiado, non son quen nin de estar pasando o ferro e vendo unha serie, imaxínate conducindo".
"É un pouco raro, e sobre todo perigoso".
"A xente pensa que mirar o móbil un segundiño non fai nada e ao final podes ter un problema ti ou matar outra persoa".
O informe tamén alerta do uso do teléfono con Bluetooth, xa que un 18 por cento dos entrevistados recoñeceu estar a piques de ter un accidente por ir despistado coa chamada.