Un estudante ourensán representa o rei e a princesa Leonor como peregrinos
Serxio Álvarez Román, de 14 anos, quedou finalista do concurso 'Que é un rei para ti?'
O próximo luns será recibido por Filipe VI en Madrid
Serxio é alumno de terceiro da ESO no colexio Padre Feijóo-Zorelle de Ourense. O traballo polo que foi seleccionado entre 1.300 estudantes galegos que participaron no concurso, está xa en Madrid, onde será recibido polo rei canda os finalistas das outras comunidades autónomas, pero amósanos algunha fotografía e a redacción que acompaña o traballo.
"Estaba tan agoniado que, por un momento, pasoulle pola cabeza abandonar todo e vivir sen que ninguén o molestase, pero non era un home calquera. Era o rei", di a redacción de Serxio.
Na execución empregou distintas técnicas: "A cuncha está feita cunha toalla dobrada con xeso e os personaxes están feitos de tela con algodón por dentro", explica.
Representou o rei e a princesa Leonor como peregrinos do Camiño de Santiago.
"Papá, vamos facer o Camiño de Santiago e pedímoslle ao Apóstolo que che axude a tomar as mellores decisións", continúa.
É o segundo ano que este colexio representa a Galicia ante o rei. Bea, a profesora de historia, é unha das responsables.
Bea Nieto, profesora de Historia: "Aquí no cole facemos moitísimos proxectos. Intentamos que os alumnos estean motivados e penso que esta é unha maneira de conseguir as dúas cousas: que haxa unha aprendizaxe de contido curricular e, ao mesmo tempo, un estímulo, porque o premio é unha audiencia real, que non se consegue todos os días!".