Un grupo de individuos dálle unha malleira ao exministro grego Varoufakis en Atenas
Os asaltantes coa cara tapada acusaron o exresponsable das Finanzas de Grecia de "traidor" e "vendido á troika" mentres o agredían á saída dun restaurante

O exministro de Finanzas de Grecia Yanis Varoufakis foi agredido a noite do venres por varios encapuchados no barrio ateniense de Exarchia, segundo informou a súa formación política de esquerda.
Ao parecer, un grupo de persoas descubriu que o político de 61 anos estaba nun restaurante dese barrio coñecido polos seus movementos contestatarios de esquerda e comezaron a insultalo.
Cando Varufakis saíu á rúa varios encarapuchados tirárono ao chan, pateárono e déronlle puñadas na cara. O exministro foi atendido nun hospital por unha fractura no nariz.
O propio Varufakis agradeceu esta madrugada en Twitter a solidariedade que lle mostraron tras o ataque e negou que os agresores fosen anarquistas ou xente de esquerdas. Máis ben, sostivo, eran "matóns" que o acusaban de traizoar a Grecia durante a crise de débeda de 2015, cando era ministro de Finanzas no goberno de Syriza.
"Non eran anarquistas, esquerdistas, comunistas nin membros de ningún movemento. Eran matóns a soldo os que torpemente invocaron a mentira de que me vendín á troika. Non deixaremos que nos dividan", escribiu Varufakis en Twitter.
O seu partido, Mera25, cualificou o ataque de "fascista". O economista é agora deputado e a súa formación conta cunha intención de voto do 3,5 % nas enquisas.
By they bye: They were not anarchists, leftists, communists or members of any movement. Thugs for hire they were (and looked it) who clumsily invoked the lie that I sold out to the troika. We shall not let them divide us. Onwards! 2/2
— Yanis Varoufakis (@yanisvaroufakis) March 11, 2023