Un luns laborable en Vigo, cun cheo total en Samil, que semella un domingo de xullo
As praias énchense de xente logo dun mes de xuño en que o tempo non acompañou
As Rías Baixas gozan este luns dun día de verán logo dun mes de xuño en que o tempo non foi especialmente de praia. Así que, areais como Samil colgan hoxe o cartel de non hai localidades.
Samil loce hoxe xa como de tempada alta, aínda que o gran desembarco de turistas, os da primeira quincena de xullo, está aínda a cinco días de distancia. Pero os máis pequenos xa están de vacacións e os adultos que traballan á mañá non teñen problema en pasar unha tarde de praia neste areal urbano e próximo de Vigo.
Os trinta graos e o sol espléndido animaron este luns os vigueses a sacaren os parasoles, os protectores solares, porque como moita xente nos di, aquí hai mono de praia e necesidade de sol e vitamina D despois dun outono e dun inverno que se fixo longo.
Luns de traballo, pero parece un domingo de xullo. A maioría son hoxe da terra, ou dos arredores, e aínda hai poucos turistas. Para uns e para outros despois dun outono e dun inverno duros, aquí hai ganas de sol, de mar e de area. Por diante quedan tres meses de gozo dos areais e do Atlántico en cada punto das Rías Baixas.