Publicador de contidos

Publicador de contidos

Experta en factor humano di que o Adif tiña identificado o risco tras desprotexer a curva

Experta en factor humano di que o Adif tiña identificado o risco tras desprotexer a curva

O seu testemuño pon fin á parte estritamente penal da vista oral do xuízo polo accidente do Alvia

 

G24.gal 08/02/2023 09:23 Última actualización 08/02/2023 16:57

O xuízo polo accidente ferroviario de Angrois pon hoxe punto e final á súa fase penal. A partir da semana que vén comezará a fase civil, onde se determinarán as indemnizacións ás vítimas e persoas afectadas.

Na sesión de hoxe prestou declaración Pilar Calvo, unha perita especialista en seguridade e factor humano citada pola defensa do maquinista, Francisco Garzón, o condutor que levaba o tren aquel 24 de xullo de 2013.

A experta asegurou que cando se eliminou o sistema ERTMS no treito de entrada a Santiago, o Adif tiña coñecemento do risco que supoñía suprimir esa axuda á condución na curva da Grandeira. 

Pilar Calvo afirmou que o Adif tiña "identificado" o risco de exceso de velocidade desde o momento en que "desprotexeu a curva".  

Esta especialista expuxo que os "buracos" que, por "capas", detectou na avaliación de riscos que debía facer o administrador de infraestruturas ferroviarias por "obrigación" das distintas normativas.  

"Os humanos equivocámonos cunha altísima probabilidade", advertiu Pilar Calvo, ás preguntas dun dos letrados que exercen a defensa de Garzón. Respecto diso, considerou que é tarefa das organizacións prever e pór "barreiras" para evitar eses erros.

Calvo foi crítica co informe realizado pola CIAF e sinalou que lle parece "rechamante" que "a pesar de que a conclusión di que o accidente foi debido a un erro humano, non haxa un apartado que investigue esta disciplina".

A perita destacou en numerosas ocasións que "sempre que se investiga un accidente" hai que exporse "as condicións de posibilidade dese suceso".

Calvo aludiu á "xanela de oportunidade do accidente" e os buracos nas barreiras de protección como a "curva pronunciada", a "rutina visual", "a posta en servizo sen avaliación de riscos de erro humano", unhas "transicións bruscas de velocidade", un cadro de velocidades "confuso", uns "sinais confusos", "a inexistencia de sinal limitadora de velocidade", "a desconexión do ERTMS" ou "a chamada telefónica".

"Non todos os perigos por separado poden desencadear o accidente pero cando ven xuntos, vese un conxunto de risco moi importante que non estaba mitigado", declarou.

"Para a avaliación de riscos non só é importante a aplicación das normas, senón a súa aplicación real, tendo en conta o comportamento humano. Se non, vivimos nunha situación idealista", expresou.

Tamén criticou o feito de que o Adif non fixese nada ante o feito de que os maquinistas escollesen "puntos de referencia persoais" para iniciar a freada antes da curva.

Como conclusión, a perito destacou que o risco da curva era "intolerable" e que o Adif dispoñía de medidas para controlar o risco "desde o control, mando e sinalización".

Segundo Calvo, o accidente podería ocorrer "calquera día" debido a que "o risco" estaba aí desde hai un ano

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade