Unha avaría deixa un veciño de Viveiro sen auga desde hai 22 días
Di que xa contratou un avogado e denuncia que a compañía do seguro non se quere facer cargo e non cumpre coa póliza
O problema ten lugar nun céntrico edificio ao pé da ría de Viveiro. A sorpresa chegou cando un veciño alertou de que lle caia auga do piso de arriba, e rapidamente Luis cortou a auga e deu aviso ao seguro, pero este xa non cumpriu o que marcaba a póliza.
"Pasaron tres horas, seis e nove e comigo non se puxo en contacto ninguén e despois acabáronme dicindo que a empresa reparadora tiña moito traballo", explica Luis Rego.
Cando por fin recibiu a visita dun reparador, este determinou que a avaría procedía das tubaxes do baño, deixou a estancia así, e a sorpresa foi que o problema continuaba.
"Dixeron que estaba arranxado, puxen a funcionar a lavalouza e a lavadora e empezou a choiva no piso de abaixo. Chamei de novo a aseguradora e dixéronme que ese sinistro non estaba cuberto", explica o afectado.
Agora está farto de chamar sen que lle ofrezan axuda nin solucións, escoitando, di, escusas absurdas, e suma xa moitos días sen un ben tan indispensable como é a auga. Vese obrigado a levar a roupa a unha lavandería, dúchase na casa dunha filla e no seu día a día utiliza garrafas de auga e mesmo lava a louza nunha pequena talla.
"Dixéronme que proceda eu a reparar os danos e que non incremente os do piso inferior porque de ser así será a miña responsabilidade. Este era o primeiro sinistro con esta aseguradora e, xa ves, vai ser o último tamén", conta Luis Rego.
Di que vai loitar ata o final polo que considera unha inxustiza, e xa puxo o asunto en mans dun avogado.