Un voluntario de Ribeira trae de Ucraína dúas familias que foxen da guerra
Unha das familias quedará no seu concello e outra en Sigüeiro
Rubén Lijo levou medicamentos e comida infantil ao paso fronteirizo de Kroscienko
Cunha furgoneta cargada con medicamentos, material sanitario e comida infantil, Rubén Lijó desprazouse, xunto cun amigo, desde Ribeira á fronteira sur entre Polonia e Ucraína.
"O que fixemos foi unha recolleita de produtos que se necesitan alá. E tendo en conta que o vehículo non é demasiado grande, levamos medicamentos e comida para os nenos", explica.
Xa de volta a Ribeira, a onde chegou este sábado, confirmábanlle que a axuda que levaron chegou ao seu destino. Na viaxe de volta desde Polonia recolleron sete persoas que deixaran atrás o seu fogar para fuxir da guerra.
Dúas mulleres quedaron en Cracovia, onde continuaron a viaxe en avión ata Madrid. Pero outras dúas familias viñeron a Galicia. A unha muller de Kíiv e ás súas fillas, de 15 e 31 anos, acolléronas en Sigüeiro.
"A nai coas dúas fillas estaba como abandonada. Dicía que non podía facer máis, que non tiña forza, nin cartos, nin nada. E coa tristeza de ter o marido na guerra. Pero polo menos as súas fillas están a salvo, que era a súa maior preocupación", explica Rubén.
En Ribeira descansan tamén outra muller de Khárkiv e o seu fillo de 14 anos.
"A nai e o neno están na vivenda parroquial que está a carón da igrexa. Onte funlles facer unhas compras e a acondicionar todo. E de aquí en diante hai que preparar todo o tema burocrático", comenta.
Os servizos sociais do Concello vanse facer cargo de atender as súas necesidades. Rubén di que malia a urxencia, nada estaba improvisado. Antes de marchar coa súa furgoneta a Ucraína, 17 persoas ofreceran as súas vivendas para acoller refuxiados.