Unha avaría na traída deixa sen auga durante horas parte do centro urbano de Foz
Unha tubaxe da condución xeral de abastecemento da vila rebentou á altura de Forxán
A veciñanza afectada reclama a renovación da rede, con tramos de máis de 50 anos
Os barrios máis altos de Foz, como Corporacións ou Marzán, foron os máis afectados pola avaría na traída municipal. O corte de auga comezou pola mañá e prolongouse ata doce horas.
Non é a primeira avaría na traída de auga que sofren os veciños e negocios afectados nos últimos meses. Hai unha semana, xa tiveran outro corte.
"Os que temos un negocio e necesitamos a auga tivemos que deixar de atender clientes. A xente que viña a lavar a cabeza e a peitearse tívena que pospoñer para a tarde", di Belén López Oroza, peiteadora.
O problema, segundo din, é a antigüidade das tubaxes, que foron instaladas hai máis de 50 anos. Reclaman, por tanto, unha renovación integral da rede.
Nesta ocasión, a concesionaria da auga tivo que substituír un tramo de seis metros da tubaxe rota á altura de Forxán. Os traballos prolongáronse ata as tres da mañá.