Unha cafetería de Láncara sortea un remolque de leña entre os clientes
Os aniversarios do local sempre contan con rifas orixinais
Co inverno á porta, hai quen comeza xa a amorear leña para facerlle fronte ao frío, pero tamén hai quen cruza os dedos agardando que lle toque o sorteo desta cafetería da Pobra de San Xiao, en Láncara. Celebran o seu décimo primeiro aniversario e foi dunha anécdota de onde xurdiu a idea para este peculiar sorteo.
"A miña parella sempre di que dou moita leña e eu díxenlle pois este ano un remolque e sorteamos un cheo de leña picada", explica a propietaria da cafetería, Neurka Fernández.
Este orixinal agasallo está a xerar grande expectación entre clientes e veciños.
"Resultou curioso e a xente mesmo contacta comigo para comprar rifas pero regalámolas coas consumicións", sinala a dona.
O 8 de novembro terá lugar o sorteo e, se o agraciado non precisa da leña, hai plan B.
"Hai quen comenta que vive nun piso e non precisa leña, e se o agraciado non quere o remolque, dámoslle 500 euros en efectivo, que é no que está valorado o remolque", explican.
Diversos animais ou mesmo formigoneiras cheas de botellas e xamón foron outros dos peculiares sorteos deste local de Láncara onde a súa propietaria xa comeza a argallar ideas para seguir sorprendendo no vindeiro aniversario.