Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha empresa galega instalará o primeiro parque flotante de enerxía mareomotriz do mundo

Unha empresa galega instalará o primeiro parque flotante de enerxía mareomotriz do mundo

Renovables Magallanes gañou unha poxa enerxética no Reino Unido e instalará a súa tecnoloxía nas costas de Gales e de Escocia

Instalacións da empresa en Redondela
G24.gal 14/01/2025 14:52

A empresa Renovables Magallanes deseñou e fabricou unha plataforma flotante capaz de xerar 1,5 megawatts de enerxía baixo o mar. Extráense co rodar das turbinas, movidas co sube e baixa das mareas. Ademais de renovable, ten a vantaxe de que é unha fonte de enerxía predicible. 

"O difícil é asegurar a enerxía, porque podes non ter vento, días sen sol, ou seca e que non enchan os encoros" explica Javier Grande, responsable de instrumentación e control da empresa. "A enerxía das mareas, como se debe aos movementos da terra e da lúa, é predicible para unha localización dada. Estudando 30 días, podemos predicir as correntes para 20 anos".

Iniciaron o proxecto sobre enerxía mareomotriz flotante en 2009 e en 2019 instalaron a primeira unidade en probas en Escocia. Xa completaron os estudos daquel prototipo e están listos para comercializar as unidades melloradas. Gañaron o dereito a facelo na poxa enerxética do Reino Unido, onde instalarán o primeiro parque mareomotriz flotante do mundo.

"Temos licitación para instalar seis plataformas en Gales e tres en Escocia -explica Javier Grande-, e temos garantido o prezo que nos van pagar polos megawatts que produzamos".

Esperan xerar arredor de 4 xigawatts/hora ao ano, que calculan que equivalería á enerxía que poden consumir 11.000 fogares. As súas son as turbinas mareomotrices flotantes máis potentes do mundo, e agora buscan investidores para liderar o desenvolvemento desta enerxía verde. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade