Unha segunda sabotaxe durante os Xogos Olímpicos afecta as telecomunicacións francesas
Os cortes provocáronse en varias operadoras, con departamentos afastados entre si por todo o país
Traballan para restablecer por completo as comunicacións e servizos

O funcionamento dalgunhas redes de telecomunicacións en Francia está afectado este luns polos cortes provocados nas instalacións en varios puntos do país, informou o Goberno, no que é a segunda sabotaxe contra as infraestruturas francesas desde que comezaron os xogos de París.
A secretaria de Estado da Economía Dixital, Marina Ferrari, explicou nunha mensaxe na súa conta de X que os danos que se detectaron na madrugada do luns "afectaron os nosos operadores de telecomunicacións" e "teñen consecuencias localizadas no acceso á fibra, a telefonía fixa e a telefonía móbil".
A emisora France Info indicou que os departamentos afectados son os de Hérault, Bouches-du-Rhône , Aude, Oise, Meuse e Drome, que están repartidos en puntos moi afastados da xeografía francesa.
Ferrari condenou "coa maior firmeza" o que cualificou de "actos covardes e irresponsables". Ademais, sinalou que o Centro para as Comunicacións Electrónicas de Defensa está a cooperar cos operadores para restablecer por completo as comunicacións e os servizos.
Esta nova sabotaxe prodúcese días despois da perpetrada contra a rede ferroviaria de alta velocidade, que hoxe xa volveu a operar con normalidade.