Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha forte tromba deixa unha chea de inundacións e incidencias en Ourense

Unha forte tromba deixa unha chea de inundacións e incidencias en Ourense

Caeron 21 litros por metro cadrado en só dez minutos 

Os sumidoiros non deron abasto e as rúas convertéronse en verdadeiros ríos

As riadas desprazaron mobiliario urbano e chegaron a depositalo no medio da rúa

G24.gal 29/05/2023 20:00 Última actualización 29/05/2023 21:57

Eran as seis e vinte cando caeron 21 litros por metro cadrado en dez minutos, unha cantidade de chuvia que foi suficiente para causar un regueiro de incidencias e inundacións en diversos puntos da cidade. 

Unha forte tromba que deixou a ponte romana con case un metro de auga nalgúns puntos e fixo que os viandantes tivesen que mollarse ata a cintura.

Toda a provincia segue en aviso amarelo por treboadas, e xa van dous días consecutivos que sofren unha tromba destas características, con pedrazo, raios e lóstregos, que non soportaron os sumidoiros e converteron as rúas en verdadeiros ríos. 

As vías céntricas acumularon unha chea de auga, complicaron moito a circulación dos vehículos e dos peóns e provocaron que algúns negocios quedasen sen luz e sufrisen inundacións.

A estampa foi de coches e persoas camiñando no medio dun auténtico manancial de auga, pola forte riada agravada polas árbores caídas. E houbo mobiliario urbano desprazado, como papeleiras ou cadeiras das terrazas dos locais de hostalería, que chegaron desde a zona vella ata a rúa Progreso.

A tromba que caeu este domingo pola tarde provocou danos graves na rúa Celso Emilio Ferreiro, que está cortada ao tráfico mentres non se amaña.

A tormenta provocou tamén a caída de árbores en diversos puntos da cidade nunha xornada en que choveu sobre mollado.

A peor parte levárona no centro comercial Ponte Vella, onde houbo unha auténtica riada que afectou dende os ascensores ata boa parte dos comercios. A auga procedía das rúas situadas máis arriba, como a Avenida da Habana, e chegou a verse xente camiñando polo seu interior con paraugas.

Agora están a limpar para poder avaliar os danos, pero seguen co medo a que este martes volva suceder o mesmo.

Falta de subministración eléctrica

A rede de sumidoiros da cidade non deu soportado a gran tromba de auga caída en apenas media hora intensa. Comerciantes da zona centro confirmaron que quedaron sen luz durante preto de quince minutos.

Ademais da capital da provincia, tamén se viron afectados polas treboadas O Carballiño e Barbadás. De feito, nesta última localidade, un condutor viuse sorprendido pola subida da auga cando circulaba por unha rotonda próxima a un centro comercial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade