Unha veciña de Meira, en Moaña, denuncia que lle aparcan diante do seu garaxe
Os seus veciños cren que hai sitio de sobra e que a solución pasa por ampliar o portal
Unha veciña de Meira (Moaña) denuncia que lle aparcan coches na pista de acceso á casa e que lle impiden o paso ao seu garaxe. Pola contra, outros veciños din que hai sitio abondo e que é ela quen debe ampliar o portal para facilitar as manobras.
"Comezaron a aparcar o coche na entrada do meu garaxe, polo que estabamos atrapados na nosa casa; chamabamos a Policía Local, pero tampouco os multaban, aínda que sabían que non se pode aparcar nesta vía", conta Patricia, a veciña afectada.
Os veciños din que, no seu día, cederon terreos para ampliar a pista e que caben de sobra dous coches. Pablo Piñeiro, presidente da asociación de veciños, cre que "teñen a solución de ampliar o portal para poder entrar perfectamente", e que "non é un problema de aparcamento, senón de veciños".
A muller apunta que o conflito está indo a máis, con insultos, agresións e ataques aos coches. "A semana pasada directamente rebentoume o cristal traseiro do vehículo comigo dentro", conta Patricia.
Para acabar co conflito, pide que o Concello de Moaña faga cumprir a lei, que volva poñer os sinais de prohibido aparcar e que lle concedan un vao como solicitou.