Unhas oitenta vacas compiten no concurso autonómico da raza frisoa, FEFRIGA
17 ganderías de todo Galicia exhiben as súas mellores reses en Santa Comba
Os últimos tres anos gañou o certame a vaca Yuri, da gandería Rey Miñotelo da Pastoriza
Aínda que as probas comezaban esta mañá, as concursantes chegaron xa hai dous días a Santa Comba onde reciben todos os coidados. O obxectivo é que se sintan coma na casa.
"Viñeron o xoves para que teñan tempo de adaptarse e que non teñan estrés o día do concurso. Estoulle botando crema hidratante pero hai de todo, laca, secador. Todo o que queiras", di unha gandeira.
Son as mellores vacas e tenreiras da raza frisoa de Galicia e contan con sona a nivel estatal.
"É un dos mellores concursos que temos hoxe no ámbito estatal, ademais é dunha calidade extraordinaria. Uns animais excepcionais que logo saen a concursos a nivel nacional e quedan nas primeiras posicións", di Manuel Sandamil presidente de FEFRIGA.
Yuri, da gandería Rey Miñotelo da Pastoriza, gañou tres anos consecutivos este concurso. Dá uns sesenta litros de leite o día pero a súa produción non é o único que se valora neste certame.
"É unha vaca que está nun moi bo momento de forma, moi moderna, moi unida toda ela, moi bo ubre e moi feminina. É como cando as modelos se preparan para unha concurso de miss, pois as vacas o mesmo, prepáranse para ser miss Galicia", explica Alberto da gandería Rey de Miñotelo.
"Nos últimos vinte anos a gandería galega fixo unha progresión impresionante en canto a granxas, a instalacións, pero tamén a nivel de xenética. Hoxe espero ver mostra disto aquí, como sempre que estiven aquí xulgando", explica o xuíz do concurso, Pol Collell.
É a segunda vez que este concurso autonómico se celebra en Santa Comba.