Publicador de contidos

Publicador de contidos

Podemos quere que parte das medidas do Goberno se convertan en estruturais

Podemos quere que parte das medidas do Goberno se convertan en estruturais

O deputado de UP Antón Gómez-Reino di que este plan de choque non sería posible se Podemos non estivese no Goberno

 

G24.gal 29/03/2022 09:48

Antón Gómez-Reino, deputado no Congreso de Unidas Podemos e secretario xeral de Podemos Galicia, dixo no Galicia por diante da Radio Galega que están "aliviados e satisfeitos" co paquete de medidas que aproba hoxe o Consello de Ministros en resposta ó impacto económico da guerra en Ucraína.

Gómez-Reino explicou que se fixo un esforzo entre os socios do Goberno "porque había diferentes opinións nalgunhas medidas pero finalmente conseguíronse elementos fundamentais como limitar a suba de alugueiros ou a posibilidade de topar os prezos da enerxía e do gas".

Gómez-Reino di que ante "unha situación moi difícil" se vai reaccionar cun "paquete de medidas inédito" e confía en que "algunhas destas medidas que son excepcionais para responder ante a crise, como son de sentido común, se acaben convertendo en medidas estruturais".

Tamén apunta o deputado de UP que "estas medidas serían imposibles se Unidas Podemos non estivese no Goberno". O gran logro, segundo Gómez-Reino, é que "no mes de abril se conseguirá reducir a factura da luz á metade con estas medidas".

Falou tamén o deputado de UP da decisión de Yolanda Díaz de adiar o proceso de escoita de cara a conformar unha candidatura para as próximas eleccións xerais, di Gómez-Reino que "Díaz dá un exemplo de responsabilidade con esta decisión pero a política avanza e estou seguro de que vai encabezar unha candidatura que será clave para frea-lo avance da extrema dereita e a candidatura de Feijóo".

Antón Gómez-Reino dixo tamén na Radio Galega que o cambio de posicionamento do Goberno con respecto ó Sáhara "é intolerable e inadmisible" e que "a resposta de Unidas Podemos foi moi clara".

Confía o deputado en que "nesta semana se vaia matizando o posicionamento de España" porque "non é o mellor momento para incomodar a Alxeria" e "sempre hai que actuar baixo o paraugas das Nacións Unidas, que defende un referendo de autodeterminación para o pobo do Sáhara".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos