Veciños de Maside seguen padecendo as consecuencias da riada de xaneiro
Denuncian que, case tres meses despois, segue sen reparar o derrubamento no río Carrás
A fochanca que daquela medía 7 metros xa creceu ata os 9
A auga do río fíltrase a un almacén de materiais de construción
Ao estar taponado o leito do río Carrás, afluente do Avia, a auga busca saída e aflora no soto dun negocio de materiais de construción. Teñen unha bomba achicando auga constantemente e, aínda así, tiveron que retirar boa parte da mercadoría.
"Temos mercadorías delicadas, de ferraxería, e esta división de pladur que fixemos hai dous anos e estragouse toda. Tamén tivemos que trasladar moita mercadoría para outro almacén, o que implica un gasto", sinala Fernando Pérez, un dos propietarios do negocio.
O leito do río, que non se ve porque discorre desde hai décadas baixo o asfalto, está taponado a consecuencia do derrubamento que provocou a riada do pasado 1 de xaneiro. O buraco que se abriu no asfalto tamén segue sen reparar. "Ninguén nos dá unha solución, nin o Concello nin a Confederación Hidrográfica, nin a longo nin a curto prazo. Isto é un despropósito, non sabemos que facer", lamenta Fernando.
A dona doutra casa, engulida pola auga nas inundacións de xaneiro, tamén segue padecendo as consecuencias.
Concha González, afectada: "A caldeira da calefacción, electrodomésticos, catro coches para o despezamento porque os cubriu a auga... e os danos psicolóxicos porque aínda non recuperamos o día a día".
Para Jose, o problema é o acceso á leira onde ten os cans. Uns e outros piden solucións.
José Manuel González, afectado "Se volve chover, e estamos na época, vai volver pasar, porque aínda está máis taponado que antes".
A Confederación Hidrográfica atribúelle a competencia da reparación ao Concello, ao tratarse dunha vía pública de titularidade municipal. Pola súa banda, o alcalde de Maside sinala que teñen intención de reparalo, pero que están á procura de financiamento.