Veciños de Pantón reclaman arranxos nunha estrada afectada polas obras do tren
Danos causados polos camións que traballan na vía férrea de Monforte-Ourense
Quéixanse dos danos que sofren nos seus vehículos
A asociación veciñal de Frontón, no concello lugués de Pantón, saíu á rúa para reclamar unha estrada segura pola que circular.
"O único que se pide é o mantemento da estrada, poder transitar, e é triste ter que chegar a isto".
A estrada da polémica une Ferreira con Santo Estevo e por ela pasan a diario os camións de gran tonelaxe que traballan nas obras da vía férrea, por iso os veciños lle reclaman o arranxo desta vía de titularidade provincial ao Adif.
"Eu entendo que é un servizo que se presta ao Adif e el debe ser o organismo responsable da conservación".
"A vía do tren hai que arranxala, estamos de acordo, pero eles teñen que reparar a estrada".
Denuncia que os veciños sufriron xa moitos danos nos seus vehículos.
"Eu rompín o tubo de escape, teño a defensa colgando e xa non hai onde arrimarse, cando te atopas cun camión non sabes a onde ir. E os sinais de velocidade son para nós, porque eles teñen coches alugados e non lles doen e pasan por aquí a toda velocidade".
Denuncian ademais que agora comezaron os arranxos xusto despois de solicitar ante a Subdelegación do Goberno o permiso para manifestarse.
"Teremos que facer solicitudes para manifestarnos todos os meses e iremos tirando así ata que acaben coas obras".
Reclaman, cando menos, un mantemento mensual da vía para poder convivir cunhas obras que se prolongan xa dende hai dous anos.