Veciños dun barrio de Vilagarcía piden a reparación das tubaxes, que rompen de vellas
A rotura das tubaxes provoca cortes de auga en medio cento de vivendas
O Concello ten un proxecto de reparación pero sen prazos
Foron apenas un par de horas sen auga nas casas, ata que se deu reparado a avaría, segundo confirman os veciños.
"Alí á casa, auga non ía".
"Saía moita auga, claro, porque está levantado todo".
Contado así, parece un tema menor, pero o problema é recorrente, e a veciñanza asegura que se repite cada pouco tempo.
"O problema é que as tubaxes están moi mal, a estrada afúndese toda e rebentan as tubaxes. Non podes andar por aquí. O domingo parecía un volcán, todo con globos de auga. Eu non sei que van facer".
No inverno, en época de choiva, a situación empeora. Un pesadelo para quen o sofre a diario.
"Hai unha veciña á que lle salta o sumidoiro cada dúas por tres pola acumulación de auga, e cando chove rebenta todo. A auga non ten por onde saír e sae por aí".
"Todo isto é un río de auga. Non podemos pasar. Temos que dar a volta todo por aí porque aínda que queiras pasar, con botas, é un noxo, porque sae papel hixiénico, porcallada... as augas negras, vaia".
A rotura deixou incomunicado o barrio. Non pasan coches, e, con apuros, os peóns.
"A estrada está sen arranxar. Leva dende o domingo e seguirá asi, eh", lamenta Chelo.
"O que teñen que facer é pór toda a tubaxe nova. Non cachiño a cachiño", propón Beatriz.
O Concello xa ten elaborado un proxecto de reparación, pero de momento...
"Din que a van arranxar, pero cando?".