Verducido decidirá os padexeiros galegos que irán aos xogos de París
No K4 500, Teresa Portela, Carolina García, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo teñen moitas opcións
Antía Jácome parece indiscutible no C2 500
Desde este mércores decídense os piragüistas que representen a selección española para os Xogos Olímpicos de París. Entre eles hai un bo número de galegos, cinco con opcións moi serias de estar entre os elixidos.
Onde máis posibilidades hai é no K4 500. No feminino, a presenza de Teresa Portela e de Carolina García parece segura. Forman o equipo que conseguiu a praza olímpica. O mesmo acontece no K4 500 masculino con Rodrigo Germade e Carlos Arévalo (acadaron a prata en Tokyo) acompañando a Saúl Craviotto e Marcus Cooper.
Tamén parece segura a presenza de Antía Jácome no C2 500. Ela e María Corbera forman unha das mellores parellas do mundo e agardan certificar o pase no selectivo. Antía Otero é outra das que optan á praza.
Máis complicado está para Manuel Fontán e Adrián Sieiro no C2 500 masculino. A parella galega estivo por detrás de Cayetano García e Pablo Martínez, aínda que agardan poder dar a sorpresa na casa.