Vilagarcía apaga a calor e móllase na festa da auga
Milleiros de romeiros acudiron á cita do San Roque máis refrescante
A festa leva corenta anos mollando a vila do Salnés
Rozando os trinta graos ao mediodía, Vilagarcía ferve e a auga non é desta vez só un ritual da festa de San Roque. Tamén supón un refresco moi ansiado para os milleiros de romeiros que foron a Vilagarcía gozar dunha celebración multitudinaria que non semella tocar teito.
A molladura empezou despois da procesión de San Roque. A festa, para moitos, xa viña de antes.
A fama desta celebración transcende as fronteiras do Salnés. Fernando Romay foi o pregoeiro, encargado de botarlle á multitude o primeiro caldeiro de auga, pero tanta ansia se palpaba que houbo quen o quixo adiantar incluso.
Conta a lenda que esta festa naceu de xeito espontáneo en 1984, cando os romeiros que cargaran co San Roque pola vila estaban a pedir auga e alguén lla botou dende un balcón. Corenta anos despois, o que era unha anécdota virou en tradición, facendo de mollarse na rúa o mellor plan de agosto para centos de persoas.