Xa están no mercado os primeiros pementos de Herbón da temporada
Os produtores prevén unha boa campaña polas boas condicións que tiveron
Arrancou a campaña do pemento de Herbón. Polo momento son poucos os que chegaron ao mercado. Malia que durante o inverno as condicións climáticas foron óptimas para a planta, nestes últimos días a baixada de temperaturas nocturnas atrasa o crecemento do pemento.
Son os primeiros pementos de Herbón recollidos pola sociedade A Pementeira en Padrón. Gústalles dicir que son os gardiáns da semente tradicional que conservan case intacta de xeración en xeración desde hai tres séculos.
A campaña, que se estende de maio a outubro, prevese boa. As condicións foron óptimas para o desenvolvemento das plantas, aínda que nos últimos días freou polas baixas temperaturas nocturnas.
E é que a sona dos pementos de Herbón atravesa fronteiras e o aumento da venda por Internet permite que cheguen a miles de quilómetros.
No comezo da campaña, cando a demanda supera a oferta, o prezo adoita ser máis alto, entre 5 e 8 euros a bolsa de 400 gramos da IXP. A medida que avanza a temporada, o prezo baixa. O ano pasado comercializaron 80 mil quilos de pemento de Herbón. A previsión é similar para esta campaña.