Once horas e dúas testemuñas, o día máis longo e dos máis agardados do xuízo do Alvia
A declaración de Christopher Carr, exdirector de seguridade da Axencia Europea do Ferrocarril, levantara moita expectación, e na súas respostas amosouse duro coas condicións de seguridade da liña e coa investigación do accidente
Unha soa interprete traducía as súas palabras. A sesión demorouse e tivo que ser interrompida pola indisposición da tradutora. Pasadas as sete, a xuíza levantaba a sesión entre expresións de alivio

Foi a xornada máis longa de cantas se levan celebradas do xuízo polo accidente do Alvia. En total, case once horas, interrompidas só por dous recesos.
A expectación era máxima. Este xoves comparecía en primeiro lugar Christopher Carr, quen fora director de seguridade da Axencia Europea do Ferrocarril (ERA, polas súas siglas en inglés), autor dun informe moi crítico coa investigación que fixera en España a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do sinistro.
O feito de que a súa declaración se fixese en inglés demoraba a evolución do interrogatorio. Unha tradutora xurada tiña que trasladar a esta testemuña as preguntas e posteriormente traducir as respostas. E era unha soa persoa para toda a sesión.
En calquera caso, a intervención de Carr non defraudou. Comezou contra as nove e media e ao pouco xa advertía de que o risco de accidente na curva de Angrois "non se percibiu e non se mitigou".
Asegurou que o sistema de control de velocidade ERTMS "sería unha boa forma de mitigar este risco" e ratificouse nas críticas a esa investigación por parte da CIAF "por non chegar á causa real" e só quedar co erro humano. "Que o maquinista non controlou a velocidade sabémolo todos", afirmou.
Pasaban as horas; avogados da acusación, fiscal e avogados da defensa sucedíanse nas preguntas. Por un momento, a interprete pediu papas. Tras case cinco horas asegurou que non se encontraba ben.
A xuíza Elena Fernández Currás concedía un receso recoñecendo o difícil traballo. Ao regresar sinaláballe que fixese o que puidese, pero que se non era capaz de continuar habería que interromper a declaración.
Non foi así. O exdirector de seguridade da Axencia Europea do Ferrocarril seguiu co seu relato, crítico coas condicións de seguridade da liña e máis aínda coa independencia das investigacións que se fixeron do accidente.
A preguntas do avogado do Estado sobre a perigosidade da curva, Carr dicía: "Se nos fixamos no número de desastres ou de accidentes catastróficos, non é moi elevado, pero puxestes en marcha a liña en 2011 e en menos de dous anos hai un accidente".
E cando eran case as cinco e media da tarde finalizaba o interrogatorio. A xuíza agradecía á intérprete e á testemuña o esforzo realizado: "Sinto o exceso da duración, poden irse os dous".
Quedaban aínda dúas testemuñas por comparecer. O seguinte era o actual xefe de seguridade do Adif David Gómez. A súa intervención foi máis curta. Para el o administrador de infraestruturas ferroviarias analizou na liña os riscos, que para el eran previsibles "dunha maneira sensata e razoable".
O seu interrogatorio tensouse cara ao final, cando ás preguntas do avogado de Francisco Garzón, o maquinista acusado no caso, asegurou descoñecer os informes cos que Renfe propoñía en 2008, segundo o ex-xefe de seguridade da compañía de ferrocarrís, instalar balizas que si se puxeron máis tarde.
O seu interrogatorio finalizou contra ás 19:15. Quedaba aínda unha testemuña por declarar, pero o avogado que a propuxera renunciaba e non declaraba. "Non vai facerlle ningunha pregunta despois de telo tanto tempo esperando?", chanceaba o fiscal. "Non, non, deixa, tense por renunciada", dicía a xuíza, que levantaba así a sesión.
O xuízo vaise retomar o próximo martes 13 de decembro. Por diante están previstas aínda 17 xornadas de declaracións. Se nada o impide, a última será o 8 de febreiro, antes de dar paso ás intervencións finais de todas as partes da vista, preto dun cento. Logo, o xuízo quedará visto para sentenza.