O perito da defensa do maquinista do Alvia considera "inxustificada" a desconexión do ERTMS
Miguel Yunquera rebateu no xuízo os argumentos cos que o ADIF exculpa a súa responsabilidade
Mantén que a liña de Alta Velocidade si cambiou o trazado da curva da Grandeira
Considera que a normativa xa permitía poñer as mesmas balizas que se colocaron despois do accidente

Na última sesión da fase penal do xuízo do accidente do Alvia, o perito proposto pola defensa do maquinista rebateu os argumentos mantidos polo ADIF para eximir ao responsable da seguridade da infraestrutura ferroviaria naquel momento, Andrés Cortabitarte.
Miguel Yunquera, que é maquinista de Renfe, realizou informes do sinistro a petición do Sindicato de Maquinistas. Na súa opinión, as dúas incidencias que levaron a desconectar o sistema ERTMS antes da curva non xustifican tal decisión. Ao seu entender máis ben verificaban a fiabilidade do sistema, que actuou correctamente diante dunha incoherencia puntual, asegurando a seguridade do tren.
O perito asegurou tamén que coa normativa previa ao accidente, poderíanse ter posto as balizas que se colocaron despois, porque o único que se fixo foi cambiarlles a cor de branco a laranxa para remarcar o cambio de velocidade. Cuestinou ademais o cadro de velocidades dos maquinistas nese punto; segundo a súa explicación mantívose o mesmo que se a cobertura do ERTMS seguise vixente.