Xuízo do Alvia: o Adif expón que Renfe debía evitar que se molestase o maquinista
A actual directora xeral de seguridade do Adif apunta directamente á responsabilidade da operadora ferroviaria

A actual directora xeral de seguridade, procesos e sistemas corporativos do Adif, Esther Mateo, expuxo unha nova medida, "complementaria" e de tipo "organizativo" que, de terse implantado por Renfe, segundo afirma, evitaría o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois.
Segundo trasladou, primeiro na quenda da avogada do Estado, quen a propón como perito no xuízo para tratar de determinar as causas deste sinistro ferroviario, e despois a cuestións do fiscal, que se mostrou sorprendido por esta idea, o que considera que se podería facer para que o descarrilamento non se producise sería poñer en funcionamento unha medida "organizativa" equivalente á que existe no sector aeronáutico.
"Durante o despegamento e a aterraxe non se poida molestar ao piloto porque ten unha responsabilidade e todo o persoal está en posición por se xorde un imprevisto", destacou.
Esta é "unha suxestión", segundo precisou, que traslada xa que Avogacía do Estado preguntoulle por máis medidas "ademais das técnicas" que servirían de "barreira" fronte á traxedia.
"Iso non estaba implantado?", preguntoulle o representante do Ministerio Público, ao que Mateo respondeu que "non", co cal apunta directamente á responsabilidade da operadora ferroviaria, Renfe, sen procesados na causa (están acusados o maquinista e o exdirector de seguridade do Adif).
En concreto, a comparecente considerou que sería "esencial" adoptar esta medida "organizativa" que supón "entender que ese punto no que se estaba achegando á estación require ou pode requirir maior atención".
"É unha actividade crítica. En aeronáutica chámase cabina estéril. Toda a tripulación ponse en condicións e ademais está prohibido interromper ao piloto, que é o que decide. Esa medida organizativa poderíase estudar porque é un punto crítico", advertiu.
Na sua declaración como perito da defensa do Adif, Esther Mateo, recoñeceu que co sistema ERTMS non se produciría o accidente. Aínda así, considerou correcto que non se fixera unha nova avaliación de riscos cando se eliminou este sistema na curva da Grandeira.
Tamén considerou normal que non se sinalizara o salto de velocidade que había que facer nese punto. Dixo que había moitos outros semellantes na rede viaria española e no sector ferroviario non se tiña constancia de incidentes ou accidentes que puideran levar aos responsables de seguridade do Adif a considerar a necesidade de poñer balizas.
Nada facía pensar que, aínda que existía tecnicamente a posibilidade de poñer unha baliza, fose necesaria para poñer nese punto, porque non había evidencias de nada
Esther Mateo considera que a seguridade ferroviaria é unha responsabilidade compartida por Renfe e o Adif, pero tamén fixo fincapé en que hai aspectos que son exclusivos de cada unha das empresas e so os pode atender a que contrata ao respectivo traballador, e aludiu, na liña doutras testemuñas do Adif ao papel do maquinista.
Lo que se produce aquí es una sobrevelocidade de una proporción que no se había dado antes.