Yolanda Díaz evita responder ao ofrecemento de Podemos para participar nos actos de campaña
Alberto Garzón xustifica o silencio e di que ten como reto conseguir a unidade
As relacións entre Podemos e a líder de Sumar, Yolanda Díaz, complícanse tras as últimas declaracións da vicepresidenta do Goberno nunha entrevista na televisión. Pero a formación morada quere que participe na súa campaña e que apoie os seus candidatos nos actos para as municipais e autonómicas.
O mesmo ofrecemento chega desde formacións que integran a plataforma Sumar, como é caso de Compromís, que compite en Valencia con Podemos en concellos e no Goberno autonómico: "Estaremos encantados de que Yolanda Díaz veña facer campaña con nós".
Yolanda Díaz quere agora rebaixar tensión e evita pronunciarse tras unha intervención nas Nacións Unidas: "Estaría encantada de responder, pero estou na sede de Nación Unidas e non podo nin debo responder".
O coordinador de Esquerda Unida, Aberto Garzón, xustifica o silencio de Díaz. Di que ten por diante o reto da unidade: "Entendo que Yolanda ten que estar por riba destas decisións. Non se conseguiu a unidade nestas eleccións e ela o que ten que facer é coser o día despois e eu agardo que esteamos todos xuntos".
O mesmo chamamento é o que fai desde Galicia Xosé Manuel Beiras, con quen Yolanda Díaz compartiu proxecto político en Alternativa Galega de Esquerdas: "Ou acaban por asumir unha actitude suicida, sobre todo a dirección de Podemos actual, ou terán que chegar a un acordo para as eleccións ás Cortes".
E advirte a Podemos de que non está en condicións de esixir primarias e que deberá ir en igualdade de condicións que o resto de forzas que integran Sumar.