Falece Xan María Castro, exsecretario xeral de CCCOO de Galicia, aos 78 anos
Dende novo estivo vinculado primeiro ás Mocidades Comunistas, e máis tarde a Comisións Obreiras

O exsecretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia, Xan María Castro, faleceu aos 78 anos de idade, segundo informaron dende o sindicato. Presidente da Fundación 10 de marzo, Castro exerceu durante oito anos como secretario xeral de CCOO de Galicia. "Unha vida dedicada dende a súa mocidade á loita polas liberdades e en defensa da clase obreira", destaca o sindicato nun comunicado na súa memoria.
Dende a Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia manifestaron o seu "profundo pesar" pola morte do sindicalista coruñés. "Irreparable perda dun mestre para moitas xeracións de sindicalistas e protagonista da memoria obreira do pobo galego", sinalaron.
Era natural do barrio coruñés de Monelos, pero Castro levaba xa anos residindo no concello de Ames, preto de Santiago. Comezou a militar moi novo nas Mocidades Comunistas, o xermolo do que serían as Comisións Obreiras.
En 1967 foi detido por asociación ilícita e propaganda ilegal, e volvería á cadea tres anos máis tarde, ao ser detido nas protestas polo Proceso Burgos, o xuízo por un tribunal militar en Burgos a 16 mozos militantes da ETA polo asasinato de Melitón Mazás, xefe da Brigada Político-Social de San Sebastián, a policía política do réxime franquista.
Coa legalización dos sindicatos, en 1978 foi elixido secretario xeral de Comisións Obreiras da Coruña. Tres anos despois pasaría a ocupar o cargo de secretario de organización de CCOO de Galicia, onde exercería como secretario xeral entre 2000 e 2009.