Aumenta a dezaseis a cifra de persoas falecidas na vaga de incendios dos Ánxeles
Os lumes arrasaron polo menos unhas 15.000 hectáreas e destruíron máis de 12.000 estruturas, incluídos vehículos
O incendio de Palisades, o máis devastador, avanza cara ao leste. onde hai barrios residenciais moi poboados
O número de persoas falecidas pola vaga de incendios que asola os Ánxeles, no sur de California, aumentou a dezaseis, de acordo coa última actualización feita polo médico forense do Condado.
Once das vítimas morreron no incendio de Eaton, preto das cidades de Pasadena e Altadena e os outros cinco no de Palisades, o máis extenso polo momento e controlado só nun 11 %.
Centos de bombeiros tentan conter as lapas antes de que volvan os ventos fortes, previstos para esta noite.
Os lumes arrasaron polo menos unhas 15.000 hectáreas e destruíron máis de 12.000 estruturas, incluídos automóbiles. Tamén hai polo menos trece persoas desaparecidas.

O incendio de Palisades, o máis devastador dos focos activos, desprázase cara ao leste, ameazando barrios residenciais como Brentwood -onde teñen vivendas Arnold Schwarzenegger ou LeBron James- e Encino.
Jesús Ruiz, portavoz do condado, manifestou á prensa a súa preocupación polo avance cara a esta zona xa que está "altamente poboada".
Este foco arrasou case 9.000 hectáreas. O de Lida xa está controlado ao completo, o de Kenneth ao 80 %, o de Hurst nun 76 % e o de Eaton nun 15 %.
