A explosión dunha tubaxe derruba parte da fachada dunha fábrica de pezas de goma en Tui
O suceso non produciu danos persoais

A explosión dunha tubaxe de vapor de auga causou danos na fachada dunha factoría do municipio pontevedrés de Tui. Non houbo que lamentar danos persoais.
O suceso produciuse ás tres e media da tarde deste mércores nunha fábrica de pezas de goma situada na parroquia de Santa Mariña de Areas.
Aínda que nun principio se considerou a posibilidade de que se tratase dun incendio, os efectivos de emerxencias desprazados á zona confirmaron que a orixe da deflagración estivo nunha tubaxe de vapor de auga que derrubou parte dun lateral da nave.
Os bombeiros, ademais de levar a cabo a avaliación dos danos provocados pola explosión, realizaron tarefas de seguridade para apontoar a fachada e retiraron as chapas que quedaran penduradas.