Desvíos e cancelacións deixan pasaxeiros tirados toda a noite no aeroporto de Santiago
Sete avións non puideron aterrar, e por iso non saíu algunha das conexións seguintes
A coincidencia de néboa e vento forte impediu operar con normalidade na Lavacolla
Horas e horas agardando e mesmo algún acabou durmindo no propio aeroporto. Os pasaxeiros dun voo Santiago-Dublín de Ryanair foron os máis afectados polos problemas que o martes pola tarde comezaron nas pistas da Lavacolla. Sete aparellos, de diferentes compañías, non foron quen de tomar terra en Compostela e, por iso, ao non chegaren eses avións a Santiago, logo non puideron saír as viaxes previstas no sentido contrario. É o que aconteceu co voo que chegaba de Irlanda o martes pola noite.
"Durmín aquí, si. Nin tan mal, pero si. Recolocaron a xente, pero non habia sitio para todos", confirma unha moza que pasou a noite nos bancos da terminal.
"De súpeto dixéronnos que non podiamos voar, polas condicións meteorolóxicas", relata outra viaxeira afectada pola cancelación do Santiago-Dublín.
"Non nos saben dicir hora. Hoxe espertamos e non temos ningún correo de confirmación de cando vai ser o voo", completa outro pasaxeiro.
AENA explica que o martes se deu unha coincidencia pouco habitual na Lavacolla. Había néboa e o sistema de aproximación ILS dunha das pistas está desactivado porque se están facendo tarefas de renovación. Na outra pista si se pode operar con baixa visibilidade pero cadrou que sopraba moito vento do norte. Nun período de catro horas, entre as sete da tarde e as once da noite, varios avións intentaron aterrar pero acabaron sendo desviados Á Coruña, Vigo e Porto e Madrid.
"Levamos aquí case vinte e catro horas", asegura con cara de fatiga un mozo que non puido viaxar a Dublín.
"Non podemos reservar hoteis debido á disponibilidade limitada", le no seu teléfono móbil unha moza que recibiu esa mensaxe dunha compañía aérea.
O mércores as condicións meteorolóxicas en Santiago xa eran boas pero aínda había atrasos arrastrados polos problemas do día anterior. A mediodía algúns pasaxeiros que esperaban voar na véspera aínda non sabían con certeza cando poderían marchar.