A sub-19 de Mella empata con Francia (2-2) e métese en semifinais
O do Dépor foi titular e xogou 68 minutos no último partido da fase de grupos
A selección sela a súa clasificación para o Mundial sub-20, que se xogará en Chile no 2025

A selección española de fútbol sub-19 ten a oportunidade de seguir coa boa xeira nacional e meterse na final do europeo. O pase a semifinais conseguiuno ao empatar con Francia no último partido de fase de grupos. E fíxoo con David Mella sobre o terreo de xogo. O santiagués foi titular e disputou 68 minutos.
As cousas non comezaron ben para España, os galos adiantáronse no minuto 13 cun gol de Bouabré. Os franceses aguantarían o resultado ata o descanso, pero na segunda parte España foi mellor, e deulle a volta. Dani Rodríguez puxo o empate no 65, e Simo culminaría a remonta nove minutos despois.
Mais Francia non baixou os brazos e puxo o empate no desconto, cun gol de Atangana. Maila a decepción final dos xogadores españois, o obxectivo estaba cumprido. Non só se meteron nas semifinais, onde se medirán a Italia, senón que tamén selaron a clasificación para o Mundial sub-20, que se celebrará en Chile no 2025.