Medra a clientela galega nos supermercados lusos á procura de prezos mellores
O aceite de oliva é un dos produtos máis buscados pola xente que cruza a raia
O encarecemento do aceite de oliva está a provocar que moita xente busque alternativas máis económicas ao outro lado da raia.
Nos supermercados de Valença, a escasos tres quilómetros do centro de Tui, moitos galegos e galegas aproveitan o día de feira para comparar prezos nos seus supermercados. Sobre todo se falamos do aceite de oliva. Algúns veñen expresamente ata aquí para mercar este e outros produtos que están máis baratos.
Os que gozan dun sábado de lecer no país veciño tamén se achegan ata os supermercados para comparar prezos e aseguran que as diferenzas son mínimas.
Envases e cantidade
Á hora de mercar aceite de oliva en Portugal hai que ter en conta o tamaño dos envases. No país veciño adoita ser de 750 ml fronte ao litro de España.
O tipo de envase tamén pode encarecer o prezo e, sobre todo, o IVE. En España pasou do 10 ao 5 % e en Portugal é inexistente. A medida, que afecta a outros alimentos, adoptouna o Goberno luso para frear a inflación.
