Publicador de contidos

Publicador de contidos

Uns activistas lánzanlle puré de patacas a un cadro de Monet nun museo en Alemaña

Uns activistas lánzanlle puré de patacas a un cadro de Monet nun museo en Alemaña

Pertence á serie As Medas e está valorado en 110 millóns de euros

G24.gal 23/10/2022 18:40 Última actualización 23/10/2022 18:53

Dous simpatizantes do grupo de activistas climáticos Letze Generation (Última xeración) cometeron un acto vandálico este domingo nun cadro do pintor francés Monet, exposto no Museo Barberini de Potsdam, en Alemaña.

Os activistas lanzaron puré de patacas contra un dos lenzos da serie As Medas (Les Meules), e despois pegaron as súas mans contra a parede onde colgaba o cadro.

A obra pintada polo impresionista francés en 1890, saíu a poxa en 2019 por un prezo superior aos 110 millóns de euros.

O grupo activista climático Letze Generation reivindicou o ataque realizado polos simpatizantes que levaban chalecos reflectores e compartiron o vídeo en Twitter.

"Facemos deste Monet o escenario e do público a audiencia", din no chío. "Se se necesita unha pintura, con puré de patacas ou sopa de tomate (en referencia ao ataque do Van Gogh en Londres), para que a sociedade lembre que a carreira dos combustibles fósiles está a matarnos a todos, entón darémosvos puré de patacas!", afirman.

O grupo activista sinala que coa súa acción "formúlanlle á sociedade a mesma pregunta que fixeron dúas valentes mulleres novas na Galería Nacional de Londres con sopa de tomate hai unha semana: Que vale máis, a arte ou a vida?".

O cadro non sufriu danos durante a acción, "todo o contrario ao inconmensurable sufrimento que as inundacións, as tormentas e as secas xa nos traen hoxe como presaxio da inminente catástrofe", agregan.

A voceira do museo, Carolin Stranz, confirmou que dous activistas lanzaran puré de patacas contra o cadro de Monet e que a pintura non resultou afectada. A Policía sinalou que a continuación os dous activistas pegáronse a unha parede da sala de exposicións, aínda que foron "despegados" e detidas temporalmente. Abríuselles unha investigación por danos á propiedade e violación de morada.

O cadro, protexido por un cristal, data de 1890 e pasou á colección Hasso Plattner do Museo Barberini en 2019 tras ser adquirido por 110,7 millóns de dólares nunha poxa de Sotheby's.

A sala quedou pechada e un experto está a examinar a obra de arte para detectar posibles danos.

Xa a semana pasada, membros da organización "Just Stop Oil" verteron sopa de tomate sobre o cadro "Os Xirasoles" de Van Gogh no Museo da Galería Nacional de Londres.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade