Alemaña emite unha orde de detención contra un cidadán ucraíno pola sabotaxe do Nordstream
Unha investigación xornalística apunta á autoría ucraína (e non rusa) da sabotaxe, que consistiu en explosións submarinas que romperon hai dous anos o gasoduto e provocaron fugas de gas

Alemaña emitiu unha orde de detención contra un cidadán ucraíno que vive en Polonia pola súa suposta vinculación coa sabotaxe en 2022 contra o gasoduto NordStream, que transportaba gas desde Rusia a Alemaña a través do Báltico, segundo unha investigación desenvolvida pola cadea de televisión pública ARD, o xornal Süddeutsche Zeitung e o semanario Die Zeit.
Segundo esta investigación, o individuo contra o que se emitiu a orde de detención é un instrutor de mergullo identificado como Vladímir S., pero a orde non foi executada por Polonia, aínda que Varsovia e Berlín debaten sobre o futuro do suxeito sospeitoso.
A investigación destes medios apunta á autoría ucraína da sabotaxe, que consistiu en explosións submarinas que se produciron o 26 de setembro de 2022, romperon o gasoduto e provocaron fugas de gas.