Alertan dunha campaña de correos fraudulentos suplantando a Seguridade Social
Para facer que abramos o correo, afirman que existe unha falta de pagamento dunha liquidación tributaria

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) alertou este xoves dunha campaña de correos fraudulentos suplantando a Seguridade Social.
Os estafadores envían mensaxes pedíndolle ao usuario que pulse sobre unha ligazón para redirixilo a unha web onde se descarga un arquivo que infecta o dispositivo da vítima se este o executa.
Para iso utilízase como gancho que existe unha falta de pagamento dunha liquidación tributaria.
A quen recibira un correo destas características, pero sen pulsar a ligazón, o Incibe aconséllalles marcalo como spam e eliminalo da bandexa de entrada, e en caso de que descargasen o arquivo, eliminalo do cartafol de descarga canto antes.
Se executaron o arquivo que se descarga, o centro tecnolóxico indica que o normal é que o dispositivo fose infectado e aconsella desconectar Internet para evitar propagar o virus a outros dispositivos conectados á Rede.
Tamén que execute o antivirus do que dispoña o dispositivo para que elabore unha análise completa e desinfección.