Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan as causas do incendio dun barco en desuso nun estaleiro de Moaña

Investigan as causas do incendio dun barco en desuso nun estaleiro de Moaña

As lapas destruíron completamente a embarcación que se ía despezar 

Os servizos de emerxencia extinguiron o lume tras dez horas de traballo

Imaxe do barco ardendo no estaleiro de Moaña este domingo
G24.gal 22/12/2024 12:17 Última actualización 22/12/2024 21:48

Un incendio sorprendía a primeira hora da mañá do domingo no estaleiro A Xunqueira, na parroquia de Meira en Moaña. Comezaba a arder un barco amarrado. A pronta actuación dos servizos de emerxencia e Salvamento Marítimo logrou controlar as lapas.

Tras 10 horas de traballo, o incendio quedou extinguido, pero o lume destruíu completamente a embarcación e obrigou a activar as medidas de contención para evitar verteduras.

No momento en que se detectou o lume, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias avisaron os Bombeiros do Morrazo, que traballaron para poñerlle fin a este incendio. Só afectou o buque Vilaxoán, un barco destinado ao despezamento, que durante anos traballou no Gran Sol.

Carecía de combustible e aceites que puideran ocasionar contaminación da auga, pero aínda así deuse aviso a Salvamento Marítimo, para aplicar barreiras de contención precisas para evitar que calquera resto da extinción do incendio, ou do mesmo barco poidan incidir nas condicións mariñas.

No operativo participaron os bombeiros do Morrazo, a policía Local de Moaña, a embarcación Salvamar Mirach con base en Cangas e unha segunda de Salvamento Marítimo., que traballaron desde a auga para sufocar as lapas.

As lapas e a densa fumareda foron visibles desde varios puntos da ría de Vigo. Agora, investigan as causas do incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade