Arrancan as obras do apartadoiro ferroviario da Plisan cun investimento de 33,4 millóns
Permitirá a transferencia de mercadorías nun medio de transporte máis sostible para o seu traslado
A obra está impulsada pola Xunta de Galicia, o Porto de Vigo e o Consorcio da Zona Franca
Os traballos de construción dun novo apartadoiro ferroviario na Plisan, obra auspiciada pola Xunta de Galicia, o Porto de Vigo e o Consorcio da Zona Franca, comezaron este mércores.
“Aquí hai moitísimo futuro, aquí podemos aproveitar un magnífico emprazamento e irémonos dando conta conforme vaiamos vendo os efectos, que xa se empezaron a ver”, dixo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante un acto que contou cun nutrido grupo de personalidades.
Ademais de Rueda, no acto estivo o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; os alcaldes de Salvaterra e As Neves, Marta Valcárcel e José Manuel Alfonso, respectivamente; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; ou a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.
Segundo destacou Botana, coa execución deste apartadoiro ferroviario, dótase a PLISAN dunha capacidade multimodal “absolutamente necesaria” para a optimización loxística dos procesos, xa que permitirá a transferencia de mercadorías nun medio de transporte máis sostible para o seu traslado non só ao eixe que une co centro da Península e Europa, senón tamén para a súa conexión directa co Porto de Vigo.
Botana lembrou que a Plisan esténdese sobre unha superficie de catro millóns de metros cadrados e destaca pola súa alta conectividade, polo que se trata dun espazo que ofrece grandes vantaxes aos empresarios, con todas as garantías xurídicas e a estabilidade que necesitan.
“O que ofrece a Plisan non o ofrece ningún outro polígono industrial de Galicia: unha gran versatilidade para favorecer o asentamento de calquera tipo de empresa, independentemente do seu tamaño, conectividade por estrada e, proximamente, por ferrocarril”, dixo.