As cartas aos Reis levan máis peticións sentimentais que materiais este ano
Os detalles de Reis de última hora aínda poden facerse ata as dez da noite, que é cando pechan a maioría das tendas
En camelo, dromedario, en barco, a pé, en furgoneta ou de calquera xeito poden chegar os Reis esta noite. Aínda que o medio de transporte dá un pouco igual, a cuestión é que veñan cargados de regalos. Iso, na versión máis sinxela, na difícil, as peticións son bastante máis ambiciosas e complicadas ata para as súas maxestades de Oriente.
Moitos dos que escriben a carta piden, sobre todo en tempos de pandemia, saúde para todos, melloría no amor e ata aprobados para os Universitarios. Con esas cartas, claramente hai cousas que os Reis non van poder mercar, aínda que queiran.
As cartas están enviadas, a sorte está botada, pero hai aínda marxe para cambios urxentes de ultimísima hora porque a maioría dos grandes espazos comerciais abren ata as dez. Todo detalle conta, aínda que sexa no último minuto, porque a noite de Reis é longa e de moita ilusión. Ilusión non ha faltar e agasallos, polo que parece, tampouco.
En cuestión de horas, despois dunha tarde e noite máxicas, cada un terá, envolto en papel de cores, a medida de como se portou este ano.