As comunidades de propietarios comezan a prohibir pisos turísticos cunha maioría de 3/5
O procedemento esixe en moitos casos un cambio de estatutos e un desembolso económico importante
A premura por facelo efectivo xa o están notando as notarías de moitas cidades galegas
Moitas comunidades de veciños aprobaron xa en asemblea a prohibición dos pisos turísticos que coa actual sentenza do Tribunal Supremo pode saír adiante cunha maioría de 3/5. Falamos cunha comunidade de veciños de Vigo, José Lago.
"Na anterior xunta de veciños, en primavera, fixemos un acordo en acta por maioría para non admitir os pisos turísticos".
A urxencia dos propietarios por incluílo canto antes no rexistro da propiedade está provocando un aluvión de peticións nas notarías. Pablo Rueda Rodríguez é notario en Vigo.
"Non hai lista de espera porque intentamos ser moi áxiles e tentamos asinar rápido as escrituras pola urxencia das propias comunidades".
En función das circunstancias de cada comunidade, os gastos deste procedemento pode chegar aos 3.000 euros. Rubén García é socio dunha administración de fincas.
"Pero non é unha cantidade tan esaxerada para non poder afrontala. Esa cantidade roza os 3.000 euros e 2.000 dependendo das características dependendo da comunidade".
Un desembolso necesario, din, para evitar problemas no futuro. Antonio Maigler é o vicepresidente segundo de COAFGA.
"Se non o publicas no Rexistro da Propiedade pode chegar un terceiro que compre ese piso e pode aproveitarse dese baleiro legal ou desa non correcta tramitación da prohibición".
Con todo, a norma non ten efecto retroactivo, é dicir, os pisos turísticos que xa estaban operando poderán seguir facéndoo se teñen os permisos oportunos.