"As eléctricas están usando gas en lugar da hidráulica para así gañar máis"
As compañías eléctricas están deixando de producir luz nos encoros para así usar máis as centrais de gas e polo tanto gañar máis cartos.
É a argumentación que deixou no Galicia por diante Javier Santacruz, economista especializado en mercados enerxéticos.
"As renovables é certo que houbo condicións meteorolóxicas desfavorables e, polo tanto, axudaron pouco. Pero o problema témolo, sobre todo, coa auga, a enerxía hidroeléctrica, que é a que case actúa máis ou menos de alter ego do gas nos momentos sobre todo en que hai que estabilizar o sistema. Estase usando máis gas en detrimento da enerxía hidráulica e polo tanto iso o que fai é contribuír a un maior encarecemento do prezo final".
Santacruz tamén di que o sistema que aprobou o Goberno para deixar o gas fóra do mercado dos prezos da luz non está dando resultados. Destaca que Francia e mesmo Marrocos están comprando máis electricidade ca nunca en España, xa que os prezos son máis baixos, polo que aumenta a demanda e polo tanto hai que tirar máis das centrais de gas.
"O tomar esta medida de compensar o sobrecusto do gas foi unha mala medida. Foi unha medida que non vai conseguir unha redución substancial dos prezos para os consumidores finais e sobre todo había mellores ferramentas e mellores instrumentos que facer isto".