As exportacións como fonte de crecemento da economía galega, por Maite Cancelo
Os datos publicados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, reflicten o excelente comportamento do sector exterior español que, a pesar dos aumentos dos custos da enerxía que encarece as nosas vendas, presentou un aumento das exportacións de case o 23 %, acadando un valor de máis de 389 miles de millóns de euros.
O punto negativo é que as importacións españolas seguen sendo superiores as exportacións e, ademais, crecen máis que estas, co que o saldo comercial español mantense en números negativos, en 68.000 millóns de euros.
Xa centrándonos en Galicia, volvemos ter, tamén, uns excelentes resultados ao incrementarse nun 18 % as vendas galegas ao exterior, acadando un valor de case 30.000 millóns de euros batendo, así, un novo récord histórico.
Así, achegamos o 7,7 % do total español, e somos a sexta comunidade autónoma máis dinámica en exportacións. Ademais, as nosas importacións representan o 5,9 % do total, o que implica que o noso saldo comercial é positivo, concretamente de 2.800 millóns.
Por áreas xeográficas, e do mesmo xeito que ocorre co conxunto do estado, as nosas vendas diríxense maioritariamente aos países europeos (82 %) e máis concretamente á UE (73 %) e aos países da Zona Euro (64 %). Dentro destes países, destacan as nosas vendas a Francia (18 %) e ao noso veciño Portugal (14 %).
Se nos imos ao continente americano, as exportacións representan o 6,9 % do total, destacando as que se dirixen cara aos Estados Unidos, o 2,8 %. Marrocos, co 4 % (e un crecemento do 17,8 % no ano pasado), supón outro dos mercados de referencia. Por último, no mercado asiático, os países do Oriente Medio xa supoñen o 2 % das nosas vendas, que aumentaron en case un 53 % no ano 2022.
Por sectores económicos
A automoción e o téxtil representan case a metade das exportacións galegas grazas ás dúas grandes empresas, Stellantis Vigo (PSA Group) e Inditex (na Coruña), pero tamén polo seu efecto tractor con relación a outras pemes destes sectores. De feito, estímase en máis de 200 empresas as que conforman o ecosistema de fabricación de vehículos e compoñentes con vendas ao exterior.
O terceiro gran sector en importancia é a industria da alimentación, que cun peso do 12 %, o ano pasado tivo un aumento do 16,6 %. Aquí, tamén podemos poñer nomes e apelidos: Hijos de Rivera ou varias conserveiras e lácteas galegas cóanse, sempre, nas clasificacións de empresas exportadoras galegas: 8.496, sendo exportadoras regulares case 3.000, aumentando nun 3,5 % o dato do ano 2021.
Novamente e, sobre todo, no caso galego, as exportacións seguen sendo un dos principais motores de crecemento da nosa economía e, isto non é casual, a calidade da nosa produción e as políticas económicas desenvolvidas polo goberno galego fan que os nosos produtos cheguen aos mercados internacionais e estas vendas exteriores conseguen mitigar o impacto dun menor dinamismo no consumo interno en épocas de crises.
Nesa liña é fundamental o Plan estratéxico de internacionalización da economía galega, non esquezamos que o 98 % das nosas empresas son pequenas e medianas, co que o esforzo para saír ao exterior é moi superior ao das grandes.
Neste caso, a axuda pública e o apoio loxístico para introducirse en novos mercados, como o Plan de misións comerciais ou o Galicia Avanza, son claves para o impulso do noso sector exterior e cuxo éxito está referendado polos resultados que amosan as nosas exportacións e que acabamos de analizar.