As lapas ameazan en Meis a adega Terras de Asorei e destrúen un estudo do CSIC
En Terras de Asorei cren que hai que poñer o foco en evitar que o rural arda por falla do coidado da terra
O lume iniciouse a unha distancia duns cen metros dos límites da adega. Prendera nun antigo eucaliptal, tallado hai anos, no que crecían a maleza e algúns rebrotes dos exemplares arbóreos. Arredor de mil metros cadrados de viñedo experimental foron arrasados polas lapas, que os veciños contribuíron a apagar.
O lume chegou practicamente ás portas da adega. Aínda quedaron brasas na leira onde comezou o lume. Un axente forestal e un da Policía Autonómica inspeccionaron a zona. Na parcela de 3.000 metros Terras de Asorei ten un proxecto de investigación en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas: Algaterra, que testa o emprego das algas non como fertilizante senón en calidade de bioestimulante e tratamento para a vide como alternativa ao sulfato tradicional.
"Estamos facendo unha proba con algas para bioestimular e para tratamentos no viñedo de xeito orgánica e poder tratar de enfermidades a viña. Hai perda ademais da colleita porque este ano non se van poder tomar datos e despois o impacto que ten na propia planta. Contamos con que están afectados uns mil metros cadrados e é evidente o impacto que tivo. Aínda esta mañá vemos que vir apagar algúns focos que rodeaban a viña", afirma Sofía Vilanova Picón da Adega Terras de Asorei.
O mesmo viñedo evitou que o incendio fora a máis e malia que as lapas conseguiron saltar á outra leira lindeira que tamén está completamente abandonada.
"Pode haber un accidente, pode haber un cristal, pode ser un día de mal tempo. A cuestión é que hai que coidar o rural como algo íntegro non só chega con coidar unha pequena parte se o demais non está coidado. E iso que estamos falando do Salnés que é unha das comarcas onde máis se coida a terra. Aquí podíamos marcarnos o obxectivo incendio cero porque hai un gran traballo sobre a terra", aseguran Roque Durán Presidente Adega Terras de Asorei.
A extensión da superficie queimada achegouse a unha hectárea nunha zona marcada pola presenza de viñedos, aínda que a maior parte do terreo afectado corresponde a monte.