As xornadas Son de Monte abordan os distintos modelos de aproveitamento do territorio no rural
En Penamá dedican 300 hectáreas á cría de gando da raza limiá en extensivo e ecolóxico e outras 600 ao aproveitamento forestal
Agora traballan na posta en valor dunha parcela de bidueiros
As xornadas seguen este venres en Celanova con conferencias e unha visita ao Couto Mixto
En Penamá, no concello de Allariz, levan máis de vinte anos dándolle un uso diferente ao monte comunal. Dedican 300 hectáreas á cría de gando da raza limiá en extensivo e ecolóxico e outras 600 ao aproveitamento forestal. Agora traballan na posta en valor dunha parcela de bidueiros, estudan cal é o mellor xeito de aproveitar a madeira retirada nos traballos silvícolas.
"O propio gando vai xestionando dentro dos peches o mato que hai nesas zonas, e esta é unha zona susceptible de poder meter gando tamén, o cal axudará ao control de rebrote na propia especie e o material que hai por baixo", explica Xaime Iglesias, Técnico forestal.
Tamén noutros puntos de Galicia buscan a mellor maneira de xestionar os nosos montes. En cada un dos lugares que hoxe están presentes desenvolveuse unha iniciativa pioneira e experimental. Non só no interior de Ourense, senón tamén na montaña de Lugo, a área periurbana da Coruña ou o Baixo Miño.
"Trátase de aproveitar o monte para limpalo e botar centeo, o que nós chamamos pan, porque era o que utilizabamos tanto para comer como para darllo ao gando, como sobre todo para teitar as pallozas", conta Isolina Rodríguez, da asociación Teitos de Piornedo.
E din que moitas veces o mellor xeito de facer as cousas é como sempre se fixeron.
"Pois faise mirando para atrás, mirando o pasado, mirando o que hai moitos séculos era o xeito de aproveitar ese monte e os vestixios que alí nos deixaron, para coller pistas de como debemos facelo agora neste mundo tan cambiante de novas transicións", di Jorge Blanco, do GDR Mariñas-Betanzos.
E lembran que o monte é un lugar cheo de oportunidades
"Hai moito máis ca piñeiro e moito máis ca eucalipto detrás da palabra monte, e iso foi sempre así historicamente en Galicia. Queremos que volva ser, que a xente volva ver o monte como algo positivo e como un monte de oportunidades", apunta Eva González, Coordinadora do GDR Limia-Arnoia.
As xornadas seguen este venres en Celanova con conferencias e unha visita ao Couto Mixto.