Asaltan dúas cafeterías en menos de media hora en Castro de Ribeiras de Lea
Os ladróns actuaron a cara descuberta
Levaron diñeiro en efectivo e lotaría
Cando se dispoñían a iniciar a xornada nunha cafetería de Castro de Ribeiras de Lea, atoparon a porta entreaberta e xa viron que estaba forzada. Avisaron a Garda Civil e, cando entraron, só botaron de falta o contido da caixa rexistradora, que quedara con cambio. Non saltou a alarma, pero todo quedou rexistrado na gravación das cámaras de seguridade.
"Dous colleron o caixón da rexistradora e marcharon, había outro na porta. Levarían uns 200 euros, non deixo máis no bar".
Poucos minutos despois, e a apenas 500 metros, asaltaron outro bar co mesmo modus operandi, accederon ao interior tras forzar a porta principal e foron directos á caixa, onde había uns 600 euros da recadación e tamén numerosos décimos de lotería, e o diñeiro desta, aínda por cuantificar.
"Avisáronnos os da alarma, pero cando chegamos xa non había ninguén. Estaba a porta forzada e faltaban os cartos da recadación e a lotería de 8 comisións de festas coas que colaboramos".
Os ladróns, que eran moi novos, actuaron de madrugada, pero fixérono a cara descuberta, xunto a unha estrada pola que pasa moito tráfico e mesmo usando roupa moi rechamante.
"Eran catro, dous entraban, un quedaba na porta e outro no coche. Levaban ademais roupa rechamante, un unha cazadora amarela e outra cun anxo cunha alas moi grandes".
"É unha impotencia. Con veciños arriba e ao lado, diante do mercado gandeiro, que hai moito movemento, e élles igual".
Ambos establecementos presentaron xa denuncia e a Garda Civil investiga agora os feitos.