Publicador de contidos

Publicador de contidos

Átanlle as mans e mallan nun veciño de Sada para roubarlle os cartos que gardaba na casa

Átanlle as mans e mallan nun veciño de Sada para roubarlle os cartos que gardaba na casa

A vítima estivo vinte horas tirada no chan sen poder pedir auxilio

G24.gal 28/11/2024 13:48

Aconteceu á medianoite, nunha vivenda dunha urbanización de Sada, onde vive a vítima, un home de mediana idade. Daquela, unha coñecida chamouno ao timbre e el abriulle a porta sen saber o que o agardaba.

"Quedou a porta entreaberta e xa entraron dous encapuchados, moi corpulentos. Atárono e comezaron a mallar nel pedíndolle os cartos", explica Jesús Manuel Rodríguez Cotos, un coñecido da vítima.

Nun primeiro momento, a vítima resistiuse a dicirlles onde gardaba os cartos e os agresores seguían mallando nel.

"Mallárono a golpes. Estivo en observación e ten cinco costelas rotas e unha morea de marcas nos pulsos e nos nocellos", engade.

Finalmente, os asaltantes saíron coa súa.

"Conseguiron os cartos e tamén lle roubaron obxectos persoais, tarxetas bancarias...".

Con ese botín, fuxiron, deixando a vítima tirada no chan, atada e cunha morea de golpes. E así estivo dende as doce da noite ata as oito da tarde do día seguinte.

"Ata que conseguiu liberarse da mordaza e berrar".

Agora, a Policía Xudicial da Garda Civil de Betanzos é a que se encarga de investigar este roubo con violencia para poder dar co paradoiro dos autores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade