Atopan un zulo abandonado da ETA nun bosque de Oñate en Guipúscoa
No interior cuberto por pedras lozalizáronse oito detonadores, restos de mecha e unha bolsa con dous quilos de explosivo tipo Goma

A Ertzaintza achou nunha zona boscosa da localidade guipuscoana de Oñati un zulo abandonado, "presumiblemente da ETA", con diverso material explosivo, informou o Departamento vasco de Seguridade.
O agocho atopábase nunha cavidade entre as rochas dunha parede vertical a unha altura duns dous metros do chan, nunha zona denominada Arriona da citada localidade. No seu interior, cuberto de pedras, a Policía vasca localizou oito detonadores de diferentes tipos, restos de mecha e unha bolsa que contiña 2 quilos de explosivo tipo Goma, "entre outras evidencias". Polo observado na cavidade rochosa e pola localización remota do achado interprétase que se trata, con toda probabilidade, dun agocho utilizado pola organización terrorista ETA", destaca Seguridade nunha nota.
A Ertzaintza abriu dilixencias policiais que serán remitidas ao Xulgado Central de Instrución número 4 da Audiencia Nacional, unha vez que se realicen os estudos periciais correspondentes "para determinar se os elementos foron utilizados en accións criminais".
A inspección deste zulo enmárcase na investigación que a Policía autonómica mantén "permanentemente aberta" co obxectivo de esclarecer "todos e cada un dos atentados da ETA sen resolver".
Neste sentido, o Departamento de Seguridade lembra "a importancia" de que os cidadáns poñan en coñecemento da Ertzaintza, a través do teléfono 112 ou comunicándoo nalgunha das súas comisarías, calquera localización de emprazamentos similares, nos cales se observen bidóns, baldes, neveiras, pero sen rexistrar o lugar porque a posible presenza de artefactos explosivos en mal estado supón un grave risco para a vida.
