Soben as matriculacións de vehículos na recta final do ano
Vendéronse un 10 % máis de coches que o ano pasado no conxunto de Galicia
As cifras seguen lonxe das que había antes da pandemia
A suba de prezos e a incerteza dos consumidores, lastran as vendas
Sábado, véspera da Noiteboa, e hai xente mercando coche. Buscan a oferta de última hora, a da recta final do ano.
Gerald Parada, director de vendas: "Normalmente, a final de ano, o concesionario sempre fai algunha campaña de liquidación de stocks. Estariamos falando dun 18, 19, 20% dependendo dos modelos. Obviamente, canto máis custe o vehículo, maior será o desconto reflectido".
As matriculacións deste 2023 seguen lonxe das cifras previas á pandemia: unhas 25.000 en Galicia fronte ás 40 mil de 2019, pero van en aumento con respecto ao ano pasado.
César Fernández, vicepresidente da Asociación de Concesionarios de Ourense: "Quedan tres ou catro días en que aínda se fan matriculacións. Esperamos chegar a un incremento do 18 % respecto ao ano pasado".
A suba de prezos e a incerteza sobre o futuro do mercado, son os principais obstáculos para o consumidor.
César Fernández, vicepresidente da Asociación de Concesionarios de Ourense: "A xente aínda non sabe se ten que comprar un eléctrico, un gasolina, un híbrido... pero teñen que cambiar de coche porque os que emiten moitísimo CO2 e son os máis inseguros son os coches de máis de quince anos".
A idade media dos coches en Galicia supera xa os quince anos, 17 no caso de Ourense, a provincia máis avellentada tamén no que respecta ao parque móbil.